Monday 06 de May de 2024

A Cabalgata de Reis de Noia terá a Alameda como centro das actividades


 

O alcalde fai unha valoración positiva das actividades programadas para o Nadal pois “espertaron a curiosidade da xente, puxeron en valor o casco histórico e atraeron a un gran número de persoas”

O alcalde de Noia, Santiago Freire, e a concelleira de Eventos, Beatriz Rosende, presentaron esta mañá a programación da Cabalgata de Reis, que terá lugar a partir das 18:00 horas do domingo 5 de xaneiro. “Un evento no que os protagonistas únicos e absolutos serán os nenos e nenas, polo que todo estará pensado e preparado para o seu desfrute”, adianta Beatriz Rosende.

A cabalgata sairá o domingo 5 de xaneiro, ás 18:00 horas, do malecón de San Lázaro para facer un percorrido pola Praza das Américas, Carreiriña, Porta da Vila e rúa Rosalía de Castro, para volver á Alameda de Noia, onde terá lugar a recepción ás Súas Maxestades diante da casa consistorial. Durante o traxecto repartirán caramelos aptos para celíacos.

“Sairá do malecón aproveitando que hai mercadillo e iso nos facilita a saída. Fará un percorrido máis curto e máis lento, para que todos os nenos e nenas poidan desfrutar das catro carrozas, con máis dun cento de persoas a bordo, entre elas uns 18 nenos e nenas por carroza”, adianta Beatriz Rosende, quen indica que “tamén haberá numerosas actuacións de rúa entre as carrozas, pero que non imos adiantar porque queremos que sexa tamén unha sorpresa para todas as persoas que asistan”.

O novo percorrido evitará así o paseo marítimo, xa que nestes momentos se están a executar aló as obras de construción do paseo peonil. Ademais, deste xeito gañarase espazo para o estacionamento de vehículos, xa que toda esa zona e a explanada de Labarta serán de acceso libre para os vehículos. A concelleira de Eventos destaca que, ademais, con este novo percorrido “deixaremos libres as entradas e saídas á vila para que os maiores poidan facer as últimas compras no comercio de Noia e axudar aos Reis coas encargas de última hora”.

Neste sentido, o alcalde fixo unha valoración positiva da campaña de actividades programadas polo Concello de Noia para este Nadal, destacando a nova decoración e o novo alumeado. “Creo que foron uns elementos novidosos que sabemos que espertaron moita curiosidade, puxeron en valor o casco histórico de Noia e atraeron a un gran número de persoas aos que animaron a comprar no noso comercio”, salientou Freire Abeijón.